Taberna O Secreto, A Coruña – #sabeASoleteSessions

E o vermutmóbil chegou un domingo día 10 de Agosto a Coruña e, para ser sinceros, había moitas ganas por diversos motivos. Primeiro, porque era a primeira sesión vermú que saía de Santiago e, segundo, porque pasados e presentes de moitos dos que estamos metidos nisto confluían de moitas maneiras na Coruña. Moitos amigos vidos dende todos os puntos cardinais axudaban a que nos sentísemos especiais aquel día, pero tamén, de forma crucial, a enorme ilusión que nos transmitiron dende o primeiro momento tanto Distribucións Villar como a  Taberna O’Secreto para materializar estas ganas e cos que foi un auténtico luxo cruzarnos no camiño e cos que estamos seguros nos cruzaremos moitas máis.

Son as #sabeASoleteSessions algo máis que concertos e moito máis que unha sesión vermú. Son experiencias flexibles e abertas nas que calquera boa idea é benvida, e se esa boa idea é maridar vermú Lodeiros cunhas tapas elaboradas por dous referentes da cociña en Galicia como son Xurxo Martí e David Abuín pois a decisión convértese en máis que sinxela.

Facer algo na Coruña, un domingo de agosto, no medio das festas da cidade non é sinxelo. A oferta cultural da cidade nestas datas é enorme e, coincidir cun concerto gratuíto de Mclan e a final do Torneo Teresa Herrera convertían a tarde noite nun auténtico reto. Pero, empezou a música e uns ReCover hipermotivados conseguiron que a xente non deixase de bailar nin un só minuto, agarrados, como non, á súa copa de vermú. A festa xa non estaba en María Pita, nin en Riazor. A auténtica festa estaba na Taberna O’Secreto.